TADEGa?
TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) é un foro de profesionais maioritariamente galegos de distintos eidos profesionais implicados na Educación e, dun xeito especial, na Atención á Diversidade.
¿Diversidade? a discapacidade, a multiculturalidade, o mundo do maior, o mundo fondamente rural, a sobredotación, a marxinalidade social... e todo un longo etc. que abrangue a tódalas persoas que, os que se creen normais chaman diferentes, (aínda que na realidade tal distinción é absurda e discriminatoria).
O caso é que as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) veñen sendo unha nova ferramenta á vez que medios de comunicación múltiples e, no canto de axudar á integración de todos, aínda están a incrementar a segregación de quen non poden acceder a elas.
O noso obxectivo é dobre: por unha banda romper esta fenda dixital (así é como se chama a esta inxusta situación) e, pola outra: investigar, fomentar, compartir, debater, deseñar, adaptar e propor as ferramentas, os xeitos, e os métodos para obter o mellor proveito de estas tecnoloxías dixitais nos campos educativos nos que estamos a traballar.
Este é o noso compromiso, e este traballo sempre nos terá entretidos e ocupados; a labor sempre estará inacabada; a mellora sempre é posible.
E se es un visitante alleo a estas andanzas e aventuras, non penses que porque xa hai profesionais ocupados e preocupados por estes problemas, xa quedas exento de toda responsabilidade. Todo o contrario: a responsabilidade é de todos.